📅 16 DECEMBRO: COMO GRAVAR OS TEUS PROPIOS VÍDEOS SEN MORRER NO INTENTO (by @paula_cernadas)

Ola a tod@s!👋 

Temos chegado ao ecuador da nosa aventura inglesa e con esta filosofía de Russel Stannard de ir de menos a máis, a curva de aprendizaxe empeza a custar... pero daremos chegado ao final da nosa travesía.

A xornada de hoxe estivo, en gran parte, adicada ao potencial da grabación de pantalla e a como poder deseñar os nosos propios videos, de xeito grauito e intuitivo, por suposto. Como soa iso? 👌

O nome da ferramente é Screencast-o-matic, que implementada de xeito eficaz pode dar moita vida ás nosas clases en liña, e mesmo ás presenciais. Comezade por visualizar este vídeo introductorio e botade unha ollada ás luces e sombras do uso deste tipo de tecnoloxía no ensino mixto que vos comentamos a continuación. Se queredes tamén "trastear" un pouco, ide directamente ao canal de YouTube de Russell. É súper recomendable!


Agora que sabemos como utilizar a ferramenta, analicemos os aspectos a ter en conta para que o seu uso sexa realmente eficaz na nosa práctica docente. Velaquí as vantaxes principais de gravar e reutilizar os nosos propios vídeos na aula de linguas:
  1. Podemos utilizar esta aplicación para traballar con contido elaborado polo propio alumnado. "Student-generated content" empodera ao aprendiz que aprende de xeito moi significativo. Imaxinádesvos ao voso alumnado elaborando presentacións en formato dixital e compartíndoas co resto do/as compañeiros/as a través dun vídeo?
  2. Os vídeos que deseña o/a profesor/a poden ter múltiples funcións: manexo da aula virtual, dar feedback ás tarefas de expresión escrita, instrucións de aula, reflexións... e lembrade un dos pilares fundamentais deste curso: se conectamos ese feedback virtual cunha actividade que posteriormente poidamos levar á aula presencial, entón o éxito da aprendizaxe está garantido. 🎯
  3. Podemos elaborar vídeos que sexan reutilizables, optimizando o noso tempo. Un vídeo ben deseñado pode ter múltiples visualizacións convertíndose así nunha ferramenta de referencia para o alumnado.
Pero non todo son luces no uso deste tipo de ferramentas, cómpre lembrarmos a importancia de que a tecnoloxía por si mesma non debe ser un fin nas nosas aulas, se non un medio para acadar un obxectivo pedagóxico e competencial. Por iso, lembrade estas catro premisas fundamentais antes de lanzarvos ao estrelato:
  1. Segundo o obxectivo proposto, os vosos vídeos non deberían durar máis aló de tres ou catro minutos... se algo me ten quedado moi claro neste curso é: Menos es más!
  2. Elaborar un vídeo propio require preparación previa. Reflexionar e organizar os contidos é chave para poder chegar ao alumnado.
  3. Controla o ton da túa voz, modula, enfatiza, ralentiza, apura... Malia que estás a gravar un vídeo, a linguaxe non verbal é importante. Transmite calma, seguridade, claridade na túa pronuncia. Doutro xeito, o teu vídeo pode resultar descorazonador. Adapta sempre os teus vídeos ao grao de dominio do teu alumnado. En niveis básicos, non dubides en utilizar a L1.
  4. Lembra sempre estar presente para o teu alumnado. Procura que a túa imaxe acompañe aos teus videos. Serás quen de superar a túa timidez?
Tendo todos estes aspectos en conta e sendo extremadamente ambiciosas, facémosvos a seguinte proposta:

...compartides aquí que tipo de actividades de aula poderiamos deseñar utilizando esta tecnoloxía?

Agardamos as vosas respostas no seguinte Jamboard. Xa temos engadido algunha suxestión para ir abrindo boca! Por en práctica as vosas ideas na aula será, en definitiva, o máis valioso.



Comentarios

Publicar un comentario